Parte de baixas

Este post poderiámolo titular de moitas maneiras, pero a máis indicada é esta, Parte de baixas. Hoxe xoves non podemos asistir a nosa cita semanal de Malo Será, sendo o primeiro día en toda a 3ª tempada que nos vemos obrigados a faltar, independentemente de festivos e vacacións, días que faltamos por causas axenas ó programa.

Podía faltar un dos presentadores, pero hoxe resulta que faltamos os dous (amén das dúas colaboradoras). Leti non pode asistir por cuestión de traballo, a Iria a operan da moa esta tarde, Villa ten que cubrir unhas horas xusto na hora do programa, e Isra ten un gripazo de campeonato (aínda que mellora, iso nos pasa por rirnos da febre porcina o pasado programa…). Vamos, que hoxe estaba escrito que non había Malo Será e non podemos facer nada por remedialo.

Iso si, estamos preparando con ansias dende hoxe o programa da semana que ven, pois como xa anunciamos en anteriores programas, terá lugar o próximo día 14 de Maio o programa Especial Oíntes, con todas esas seccións que máis votaches na enquisa “Crea o teu Malo Será”. Entre outras, o xoves que ven teremos seccións como Anuncios por Palabras, Récord Guinnes Estúpidos ou Xente Cuac, ¿quen da máis?.

Non desesperedes, pois prometemos un próximo programa cargado de contidos, e tentaremos compensarvos a falta de hoxe.

Noutro orde de cousas, anunciámosvos varios eventos importantes que tiñamos pensado anunciarvos hoxe na presentación, pero visto que non podemos asistir, non nos queda outra que comunicárvolo por aquí:

-Mañá venres terá lugar a presentación das curtametraxes do I Concurso de Curtametraxes CuacFM. Será na FNAC, a iso das 18 h., e a cousa promete. Poderedes ver tódalas curtas dos nosos compañeiros na web de CuacFM ( www.cuacfm.org ). Para a próxima temos pensado presentarnos (este ano non nos deu tempo a ensamblar a nosa curtametraxe) asique xa podedes poñervos a tremer.

-O sábado será a gran final do Concurso de Maquetas CuacFM. Terá lugar na sala MardiGrass (zona Montealto, supoño que xa sabedes), ás 22 h.. O prezo da entrada será de 3€, e os finalistas son Ortofálico Chisme e Soothe. Como co Concurso de Curtametraxes, a cousa tamén promete, e se non vas é porque es un rata (¡que só son 3€!).

Emprazámosvos para o xoves que ven, recordade que será o Programa Especial Oíntes e máis que nunca ese programa está adicado a ti.

¡Saúde oíntes!

P.D.: e a rabia que me da que por faltar hoxe xa non imos batir o récord de programas nunha mesma tempada… non te quero nin contar grrrrr

7 / maio / 2009  Blogue 

Engade un comentario

Requerido

Required, hidden

Trackback  |  Subscribete a estes comentarios via RSS Feed